Árbores senlleiras

CAMECÍPARIS DE LAWSON do castelo de Soutomaior

Chamaecyparis
  • Especie: Chamaecyparis lawsoniana (A. Murray) Parl.
  • Familia: Cupressaceae
  • Localizacion natural: oeste dos Estados Unidos (SO de Oregón e NO de California)
  • Idade: entre 140 e 150 anos
  • Porte: 32,40 m
  • Tronco: 10,78 m
  • Copa: 13,20 m
  •  
  • Concello: Soutomaior
  • Parroquia: Soutomaior
  • Lugar: O Rial, Parque Botánico de Soutomaior
  • Altitude: 180 m s. n. m.
  • Coordenadas: 42.329564,-8.568455
  •  
  • Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
  • Historia
  • A construción orixinal do castelo, unha torre defensiva, é do século XII, aínda que será con Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga, co que alcance o seu máximo esplendor, xa que chegou a ser epicentro da actividade política do sur de Galicia durante o século XV.

    A plantación deste ciprés correspóndese coa execución do proxecto de axardinamento practicado con motivo da transformación do castelo en pazo a partir do ano 1870, durante a remodelación do castelo e a súa contorna na época do marqués da Vega de Armijo. Desde entón e ata hoxe, na súa condición centenaria, a árbore converteuse nun espécime sensacional, de orixinal e sorprendente feitura, e pasou a ser un dos representantes da súa especie máis grandiosos de Galicia. O seu valor só se ve minguado polo manifesto grao de deterioro que presenta.

  • Entorno
  • A orixe do parque e dos xardíns vén dos marqueses da Vega de Armijo e de Mos cara a 1870. Considérase o xardín botánico máis importante de Galicia.

    O camecíparis ou ciprés de Lawson aparece no xardín antigo, na zona alta do parque, en posición centrada, próximo a outros monumentos arbóreos da propiedade como a sequoia. Está situado á dereita, cara á metade do camiño que conduce desde a residencia á fonte da marquesa.

Localización