Árbores senlleiras

ARAUCARIA DO BRASIL do Parque-Xardín de Caldas de Reis

Araucaria do Brasil
  • Especie: Araucaria angustifolia (Bertol.) Kuntze
  • Familia: Araucariaceae
  • Localizacion natural: sur de Brasil e Arxentina
  • Idade: 125 anos
  • Porte: 34 m
  • Tronco: 2,88 m
  • Copa: 13 x 10 m
  •  
  • Concello: Caldas de Reis
  • Parroquia: Caldas de Reis
  • Lugar: Parque-Xardín
  • Altitude: 30 m s. n. m.
  • Coordenadas: 42.603661, -8.640401
  •  
  • Propietaria/o: Concello de Caldas de Reis
  • Historia
  • Non existe constancia escrita ou documentada da súa chegada e plantación, pero a súa dendrometría permite asegurar que pertence ao proxecto orixinal, polo que é coetánea da creación do xardín en 1884.

    O Parque-Xardín foi ideado por Francisco de Alcarraz para potenciar a afluencia de visitantes atraídos polas augas termais cando era director da Escola de Agricultura da Caeira (institución da Deputación de Pontevedra que funcionou no último cuarto do século XIX), de onde, seguramente, se obtivo o exemplar.

    Pola súa antigüidade, o seu estado fitosanitario, a súa rareza, o seu campo visual e o seu lugar de asentamento trátase dun dos representantes máis destacados entre os da súa clase e encabeza o listado das primeiras araucarias brasileiras cultivadas en Galicia.

    Este exemplar está citado como A. brasiliensis por Rafael Areses no seu libro Nuestros parques y jardines. Contribución al conocimiento de las plantas exóticas cultivadas en España, Galicia. Tomo I, Pontevedra (1953).

  • Entorno
  • O Parque-Xardín e Carballeira (de 3,5 ha) está no centro urbano de Caldas de Reis, ao lado do río Umia. O espazo axardinado, que mantén o deseño orixinal tipo inglés con matices xeométricos, foi declarado Paraxe Pintoresco e Xardín Histórico no ano 1962 e conta na actualidade coa catalogación de Ben de Interese Cultural.

    A araucaria do Brasil está nun dos cadros que conforman a franxa vexetal que enmarca a praza do estanque de Conchas e ocupa un posto privilexiado cunha vistosa panorámica.

Localización