Árbores senlleiras

ARAUCARIA ARAUCANA do castelo de Soutomaior

Araucaria
  • Especie: Araucaria araucana (Molina) K. Koch
  • Familia: Araucariaceae
  • Localizacion natural: Chile (cordilleira dos Andes)
  • Idade: entre 120 e 150 anos
  • Porte: 27 m
  • Tronco: 2,46 m
  • Copa: 6,60 m
  •  
  • Concello: Soutomaior
  • Parroquia: Soutomaior (San Salvador)
  • Lugar: O Rial
  • Altitude: 180 m s. n. m.
  • Coordenadas: 42.329571, -8.567214
  •  
  • Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
    Vota o piñeiro araucano de Soutomaior como Árbore Europea do 2019! Candidatura
  • Historia
  • A construción orixinal do castelo, unha torre defensiva, é do século XII, aínda que será con Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga, co que alcance o seu máximo esplendor, xa que chegou a ser epicentro da actividade política do sur de Galicia durante o século XV.

    A plantación desta araucaria correspóndese coa execución do proxecto de xardinaxe en 1870, época dos marqueses da Vega de Armijo. Considérase o xardín botánico máis importante de Galicia.

    Esta árbore é un dos exemplares da flora alóctona máis notables do catálogo pola súa morfoloxía e, sobre todo, polo pouco frecuentes que son as árbores adultas desta especie en Galicia.

    Este exemplar está citado por Rafael Areses no seu libro Nuestros parques y jardines (1953) e posteriormente, como exemplar senlleiro, no libro Flora ornamental de España (Lillo e Ramos, 1972).

  • Entorno
  • O castelo de Soutomaior está situado nun lugar privilexiado do val do río Verdugo, desde o que se divisa unha ampla paisaxe.

    A leira comprende actualmente 25 hectáreas, destinándose a xardín os terreos máis próximos que rodean o castelo.

    A araucaria atópase en pleno centro do antigo parque botánico, a medio camiño entre o estanque e a fonte da marquesa.

Localización